O Rolls-Royce Trent é unha familia británica de motores turboventilador de alto índice de derivación fabricada por Rolls-Royce. Todos son desenvolvementos do RB211 con capacidades de pulo dos 240 ata os 430 kN. As distintas versións do Trent están en servizo nos Airbus A330, A340, A350, A380, Boeing 777 e 787. O Trent tamén foi adaptado para aplicacións marítimas e industriais. Lanzado por vez primeira en agosto de 1990 como o modelo Trent 700, o Trent logrou un éxito comercial significativo, sendo seleccionado como motor de lanzamento para as dúas variantes do 787 (Trent 1000), o A380 (Trent 900) e o A350 (Trent XWB). A súa cota total nos mercados nos que compite é de ao redor do 40%. As vendas da familia Trent converteron a Rolls-Royce no segundo maior provedor de grandes turboventiladores civís tras General Electric, relegando ao seu rival Pratt & Whitney á terceira posición. Segundo a tradición de Rolls-Royce de bautizar aos seus motores de reacción co nome de ríos (ás veces descoidada), este motor foi chamado así polo río Trent nas Midlands inglesas. Singapore Airlines é a día de hoxe o maior operador de Trents, con cinco variantes en servizo ou pedidas.
Developed by StudentB